Sinestesias: o son da choiva

Hai un vídeo na rede que está sendo un récord de visitas, Rainymood, unha gravación de 30 minutos do son da choiva sobre o chan; seica o empregan para a relaxación.

Pareceunos ben interesante para traballar co noso alumnado as sinestesias. A sinestesia é unha facultade pouco común que teñen algunhas persoas, consistente e experimentar sensacións dunha modalidade sensorial particular a partir de estímulos doutra modalidade distinta. Hai casos de persoas que ven os sons de cores, ou ás que determinados sabores/olores prodúcenlle sensacións táctiles.

Malia que é un fenómeno que só afecta ao 1% da poboación, pareceunos de grande interese provocar nos cativos, ou ensinarlles a comprender as distintas sensacións que lles pode producir un estímulo, neste caso auditivo. Tan doado como pedirlles que se deiten, pechen os ollos e escoiten a gravación da choiva; logo verbalizaremos as sensacións que sentiron, tamén prestaremos atención aos movementos do corpo, como se aniñan. Noutra ocasión podemos probar con este son, ou con estoutro.

No programa Redes de Eduardo Punset, dedica o capítulo 22 ás sinestesias, “Flipar en colores”, para o que entrevista ao neurocientífico David Aegleman, director do Laboratorio para la Percepción y la Acción da Universidade de Texas. Transcrición da entrevista. Así mesmo, facilitamos a transcrición da entrevista Richard E.Cytowic, onde expón que unha razón que pode explicar que haxa adultos sinestésicos é porque todos os bebés son sinestésicos. Algo que logo se vai modificando co tempo e coa aprendizaxe.

Advertisements