Onomatopeas

A raíz do visionado da ópera buffa ‘Duetto buffo di due gatti’ de Gioacchino Rossini, durante a cal tan só se pronuncia a onomatopea “miau”, e do que hai innumerables versións, de entre as que salientamos:

Felicity Lott & Ann Murray

Teresa Berganza e Cecilia Lavilla Berganza

Montserrat Caballé e Concha Velasco

Les Petits Chanteurs a la Croix del Bois

decidimos traballar coas onomatopeas,  pronuncialas, idenficalas, e escribilas; deunos pé a unha interesante proposta de lectura e escrita. Empregamos as táboas das admitidas polo Diccionario da Lengua Española,  a recompilación de José Martínez de Sousa e máis un vídeo.

E como non, unha chiscadela final co xa clásico libro de Manuel Bragado, “Dona Carme”.

Vía InnovArte Infantil.

Advertisements

A voz humana

Facilitamos o acceso ao documento “La voz humana” elaborado polo Centro de Formación de Navarra, no que trata a técnica vocal, a educación e reeducación vocal, as principais patoloxías dos órganos fonatorios, a avaliación funcional da voz, o adestramento vocal, así como  a hixiene e coidado vocal.


Disfonías nos docentes

Neste vídeo entrevistan ao Xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía dun hospital de Bos Aires, e fala da importancia de que os docentes se fagan chequeos frecuentes, como medida preventiva das disfonías; asemade apunta que dentro do colectivo os máis afectados son as mestras jardineras (infantil) e os especialistas de educación física.


Ópera para nenos

A ópera é un xénero pouco tratado ou escoitado en infantil, poida que nos pareza demasiado complexo, ou poida que aínda non lle “tocara” o seu momento. Materiais e posibilidades non faltan. Tan só se trata de probar unha vez e de seguro que repetiremos.

Facilitamos un vídeo de animación coa aria de Verdi- Traviata –Choeurs des Bohèmiens, de “L´Opèra imaginaire”, intepretado por Le Coro dell’Accademia di Santa Cecilia de Rome. Realizado por Gionne Leroy, realizador e animador, de l’école de la Cambre.

Excelente material para facer un primeiro achegamento á ópera.

Algunhas editoriais xa teñen publicados álbums nos que tratan de abrir este xénero aos nenos e nenas. Destacamos da colección “Ópera para nenos” da editorial Kalandraka, cos seguintes títulos:

-“A frauta máxica” de Mozart; “Aida” de Verdi; “O elixir do amor” de Donizetti; unha ópera bufa;  “Turandot” de Puccini;  “O barbeiro de Sevilla”de Rossini;  “Orfeo e Euridice” de Gluck; “Porgy and Bess” de Gershwin.


Sinestesias: o son da choiva

Hai un vídeo na rede que está sendo un récord de visitas, Rainymood, unha gravación de 30 minutos do son da choiva sobre o chan; seica o empregan para a relaxación.

Pareceunos ben interesante para traballar co noso alumnado as sinestesias. A sinestesia é unha facultade pouco común que teñen algunhas persoas, consistente e experimentar sensacións dunha modalidade sensorial particular a partir de estímulos doutra modalidade distinta. Hai casos de persoas que ven os sons de cores, ou ás que determinados sabores/olores prodúcenlle sensacións táctiles.

Malia que é un fenómeno que só afecta ao 1% da poboación, pareceunos de grande interese provocar nos cativos, ou ensinarlles a comprender as distintas sensacións que lles pode producir un estímulo, neste caso auditivo. Tan doado como pedirlles que se deiten, pechen os ollos e escoiten a gravación da choiva; logo verbalizaremos as sensacións que sentiron, tamén prestaremos atención aos movementos do corpo, como se aniñan. Noutra ocasión podemos probar con este son, ou con estoutro.

No programa Redes de Eduardo Punset, dedica o capítulo 22 ás sinestesias, “Flipar en colores”, para o que entrevista ao neurocientífico David Aegleman, director do Laboratorio para la Percepción y la Acción da Universidade de Texas. Transcrición da entrevista. Así mesmo, facilitamos a transcrición da entrevista Richard E.Cytowic, onde expón que unha razón que pode explicar que haxa adultos sinestésicos é porque todos os bebés son sinestésicos. Algo que logo se vai modificando co tempo e coa aprendizaxe.


Instrumentos musicais galegos

Os instrumentos musicais na tradición galega”, é un web no que se atopa información de distinta índole sobre preto de 150 instrumentos tradicionais galegos: unha descrición detallada, os seus nomes tradicionais, a súa historia e información sobre quen, cando, como e onde se tocaba, xunto cunha gravación do seu son.

Vinchas, cantagalos, ferreñas, rabel, rin-ran, chirimías ou palletas, comparten espazo con outros máis coñecidos como pandeiros, castañolas, gaitas e zanfoñas.

Elaborado por Pablo Carpintero, aloxado no portal do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.

Un recurso de grande utilidade na educación.

Na rede pódense ver algúns vídeos da elaboración destes instrumentos, do Proxecto Ronsel.


Os sons do español

Gústanos facer exercicios coa voz e ver que hai quen pode producir calquera son, tal e como sucede no vídeo do extraordinario grupo Voca People, que coas súas voces soan coma unha orquestra.

Para ilo é preciso practicar a pronuncia moitas veces non sabemos como explicarlle aos nenos/as a colocación dos órganos fonatorios, para facelo con corrección.

Esta aplicación, Los sonidos del español, xerada  polo departamento de Español e Portugués da Universidade de Iowa permite a definición articulatoria dos sons do español mediante un diagrama interactivo.

É sumamente interesante que poidan visibilizar o aparato fonador humano e escoitar a pronuncia correcta.